Monday 29 de April de 2024

O Teatro de Castro celebra o Día Mundial do Teatro coa obra ‘El diablo en la playa’


É o oitavo dos espectáculos da programación do Ciclo Principal de Teatro-Primavera 2022

O Teatro Rosalía de Castro acolle mañá, domingo 27, un novo espectáculo teatral no marco do Ciclo Principal de Teatro Primavera 2022. A cita coincide co propio Día Mundial do Teatro e preséntase como programación especial para a súa celebración.

‘El diablo en la playa’ é un espectáculo de Matarile Teatro en coprodución con AGADIC, que propón ao público unha reflexión sobre o caos, as tentacións e o desarraigamento a través do desexo. Unha representación que trata as identidades ficticias e a utilización da linguaxe como simulacro a través dunha posta en escena corporal e ligada á danza, da man das coreógrafas e actrices Celeste González e Claudia Faci. Esta é, ademais, unha peza orixinal escrita e dirixida por Ana Vallés, fundadora da compañía teatral e galardoada co premio María Casares por “The Queen is Dead” á Mellor Dirección de Teatro.

As entradas para asistir ao espectáculo (domingo 27 ás 20.30 horas) poden adquirirse en liña a través da web Ataquilla.com ou de forma presencial, no despacho de billetes do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) sito na praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas) con prezos de 6,50 a 14 euros para o público xeral. Os billetes tamén poderán adquirirse o mesmo día da actuación, nos despachos de billetes do Teatro Rosalía de Castro (de 16.00 a 20.00 horas), sempre que haxa entradas dispoñibles.

Adhesión á Mensaxe do Día Mundial do Teatro 2022

Este ano 2022 conmemórase o 60º aniversario do Día Mundial do Teatro, unha celebración impulsada dende o Instituto Internacional de Teatro (ITI) e realizada de forma ininterrompida dende o seu comezo.

Como é costume, o Teatro Rosalía adhírese á mensaxe pronunciada pola institución, que este ano corre a cargo do do director estadounidense Peter Sellars. Un compromiso que ano tras ano se repite como mostra do apoio ao xénero dramaturgo e ao persoal profesional implicado no mesmo.

O cumprimento das pautas e medidas sanitarias contra a Covid-19
Durante a sesión, e en virtude das medidas sanitarias vixentes contra a Covid-19, será obrigatorio o uso de máscaras para as persoas asistentes. Ademais, e en todo momento, tanto na agarda, acceso e estancia dentro do recinto, as usuarias e usuarios deberán seguir as instrucións do persoal.

Por outra banda, non poderán acceder ao evento aquelas persoas con síntomas compatibles coa Covid-19, aquelas diagnosticadas coa enfermidade e as que non finalizasen o período de illamento, así como as persoas que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa afectada por síntomas ou diagnosticada da Covid-19.

Outras cinco obras previstas ata mediados de xuño
Despois de ‘El diablo en la playa’, a programación do Ciclo Principal de Teatro-Primavera 2022 no Rosalía de Castro presenta cinco obras máis durante este primeiro semestre de ano. Son as seguintes:
● 1 e 2 de abril: Lo fingido verdadero, con María Besant e Montse Díez.
● 8 e 9 de abril: Smoke on the water, con Josito Porto e Belén Constenla.
● 22 e 23 de abril: Erresuma. Kingdom, con José María Pou e Eneko Sagardoy.
● 20 e 21 de maio: As que limpan, con Areta Bolado e Noelia Castro.
● 17 e 18 de xuño: Los Santos Inocentes, con Javier Gutiérrez e Pepa Pedroche.